€14.00
Ángel cóntanos unha evolución persoal, sérvese de lembranzas concretas, de paisaxes, para presentarnos os sentimentos e as emocións de cada etapa, para falar en definitiva dos universais: o amor, o abandono, a felicidade, etc. Establece un xogo entre o simbolismo do binomio lume/eucalipto e os seus espazos interiores. Un xogo no que tamén participa o tempo, dende todas as súas perspectivas como por exemplo a audiovisual. Ten a capacidade de evocar imaxes potentes empregando unha linguaxe sinxela, comprensible, pero traballada.
O deseño e as fotografías de Breixo Parcero incluídas entre os textos, permítennos esas pausas necesarias entre etapas ou entre poemas. Complementan os versos de Ángel pero tamén contan a historia nunha outra linguaxe. Son un apoio para os textos, mas a súa vez, as fotografías levan a batuta, organizan e dan fin e comenzo ás etapas, de xeito que as dúas linguaxes (visual e escrita) chegan a entrelazarse.
A forma é outro aspecto coidado e traballado, proba disto é o axuste entre as distintas tipografías, os tamaños dos caracteres, a variación do interletrado, ou a utilización de guións para suxerir varios sentidos nun mesmo verso. A forma complementa e sirve de base ao traballo realizado por Ángel e Breixo, axuda a afinar unha obra que se presenta como é: sen enfeites.
A influencia audiovisual do autor, a súa experiencia e coñecemento do actual contexto cultural no que vivimos, está presente durante todo o poemario no contido e na forma. Expresións como “fóra de boca”, ou referencias claras a determinados filmes, enriquecen uns versos que nos pareceron desde Nêspera, ideais para comenzar a nosa andaina no mundo da poesía. Unha obra que encaixa totalmente coa nosa liña editorial, xa que a primeira publicación de Nêspera, Avelaíñas eléctricas, é tamén unha novela de escrita fluída e con moita carga poética e visual.